viernes, 30 de mayo de 2025

Un día para sempre: a graduación da Celtic Crew

 

xoves 29 de maio vivímolo con emoción contida, nervios nos estómagos e sorrisos que falaban por si sós. A nosa graduación de 6º de Primaria foi moito máis que un acto simbólico: foi unha celebración da vida compartida, do camiño andado xuntos e dos soños que empezan a debuxarse no horizonte.

Desde o inicio da cerimonia, sentíase algo especial no aire. As familias, o profesorado e os propios alumnos e alumnas deixámonos levar pola maxia do momento. Houbo discursos que tocaron o corazón, vídeos que fixeron viaxar no tempo, cancións que puxeron a pel de galiña, e miradas cómplices que falaban de lembranzas e afecto.

Ver ao grupo da Celtic Crew pechar esta etapa coa forza, a alegría e a unión que os caracteriza foi un orgullo para todo o centro. Porque foron moito máis ca unha clase: foron unha familia dentro das aulas. Riron, aprenderon, medraron e deixaron pegada.

De todos os días, lembramos especialmente aqueles nos que atopamos serendipias: aprendizaxes que xurdían sen avisar, nas marxes do libro ou nos corredores, nunha pregunta inesperada ou nun silencio compartido. Eses momentos nos que nos puxemos as gafas de abella, esas que serven para ver beleza ata onde outros só ven rutina. Porque aprendemos que a verdadeira educación non é decorar cabezas, senón acender luces, cultivar o asombro e abrir portas.

Falamos de Aristóteles, da ética e da busca do ben. Falamos de como pensar, de como sentir, de como ser. E moitas veces fixémolo camiñando, ao estilo dos peripatéticos, facendo do movemento un xeito de comprender o mundo. Confeso que me vou con eles pegados ao corazón, porque non fun só o seu titor: fun un compañeiro máis dese paseo tan especial.

Agora, comeza unha nova aventura. Marchan máis preparados, máis sabios e máis valentes. E nós quedamos cun anaquiño de cada un deles no noso recordo.

Grazas, Celtic Crew. Grazas por facer deste curso algo inesquecible.

— O voso periptético titor.