viernes, 16 de mayo de 2025

O noso Maio floreceu en Santa Cristina

 

O mes de maio chegou con forza ao CPR Santa Cristina, e con el, unha das celebracións máis queridas da nosa tradición galega: a festa dos Maios. Unha ocasión chea de cor, natureza e música que nos conecta co noso entorno e coa nosa historia.

Durante toda a semana, a comunidade educativa do cole estivo traballando con moito entusiasmo na elaboración do noso Maio escolar, seguindo os costumes que nos transmitiron os nosos maiores. Con xestas, fiunchos, flores silvestres e moita ilusión, construímos entre todos unha estrutura que levou o espírito da primavera ata o adro da igrexa de Santa Cristina, onde o fixemos medrar con coplas, risas e pandereteiras.

O momento máis agardado foi, sen dúbida, cando nos xuntamos para cantar as coplas deseñadas polo profe Dani, que soubo darlles á poesía popular un toque de retranca e actualidade que fixo rir e gozar tanto aos pequenos coma aos maiores. Entre as favoritas do público soaron:

 "Maio, maio, quérote ao meu lado, con tanta chuvia teño os zapatos furados..."
 "En cuarto de Primaria damos moita caña!"

 "Os nenos de segundo son un demo... nunca se calan e teñen moito xenio!"

Estas e outras moitas rimas foron interpretadas con moita paixón polos nosos rapaces, que demostraron que a tradición segue viva, renovada e máis creativa ca nunca.

Celebrar o Maio é tamén aprender a mirar o mundo con ollos de festa, a recoñecer o valor do traballo en equipo e a manter viva a nosa identidade cultural. Parabéns a todo o alumnado e profesorado que fixeron posible esta xornada tan especial!

Longa vida ao Maio!