Hai datas que marcan un antes e un despois, e o 22 de maio de 2025 será, sen dúbida, unha desas datas gravadas a lume nas memorias da Celtic Crew. Cunha vitoria rotunda por 8-3 fronte ao CPR María Mouzo de Cee, a nosa clase de 6º de EP proclamouse campioa galega do Ecopreguntoiro, o concurso de RadioVoz que pon á proba coñecementos ambientais, axilidade mental e, sobre todo, espírito de equipo. O arranque foi prometedor, e xa nas preguntas de SOGAMA —a nosa especialidade— puxemos terra de por medio. A partir de aí, todo foi coser e cantar, pero sen baixar nunca a garda. A concentración, a intensidade e a capacidade de manter o tipo ata o final foron dignas dunha final de Champions. Por primeira vez, toda a clase foi convidada a acompañar aos seus compañeiros desde a sala anexa ao estudo grande de RadioVozVigo. A presenza dos 24 valentes da Celtic Crew foi unha bomba de enerxía e emoción. O rendemento dos nosos representantes —Carmen, Antía, Candela, Nora e Lucas como capitán, baixo a coordinación de R. Infante— foi brillante, mais o que deixou realmente abraiado ao equipo de RadioVoz foi a educación, a deportividade e o respecto que amosaron todos os membros da clase, dentro e fóra dos micrófonos. Este éxito non sería posible sen as familias, que sempre foron apoio e impulso, nunca un freo. Sen o equipo directivo e o claustro de profesorado, que confiaron e deron azos para facer realidade todas as iniciativas. E, por suposto, sen a propia CelticCrew, porque cada neno e nena asumiu o seu rol nos distintos proxectos do curso: viaxes, teatro, radio, concursos... Un curso cheo de aprendizaxes, risas e momentos irrepetibles. A historia non remata aquí: o 13 de xuño tocará recoller o premio sorpresa, e logo celebrarémolo como se merece no Aquapark de Cerceda, xunto co resto de equipos participantes. Rematamos como empezamos, soñando. Porque como di a canción: Hay tantas cosas que se pueden complicar Pero antes muerto que dejar de soñar... E se hai unha clase que sabe soñar e facer realidade eses soños, esa é a Celtic Crew. Un grupo de nenos e nenas solidarios, respectuosos, alegres, comprometidos... que son orgullo do seu colexio, dos seus mestres, e —máis que de ninguén— do seu titor, que os levará sempre no corazón. ¡Campións de Galicia, quen nolo ía dicir!
R. Infante