Crónica dunha remontada épica nin moito menos anunciada.
Hoxe vivimos unha experiencia inesquecible no Ecopreguntoiro, o concurso de preguntas sobre ecoloxía e sustentabilidade de Radiovoz. Saímos camiñando dende o colexio, atravesando a cidade con emoción e ansia, dispostos a dalo todo no estudo de RadioVoz, na redacción de La Voz de Galicia.
Ao chegar, recibíronnos amablemente e agardamos nunha sala, onde os nervios ían en aumento. Cando chegou o momento, os nosos representantes, Candela, Carmen, Antía, Nora e o noso voceiro Lucas, accederon ao estudio para probar o son e conectar coa emisión en directo, mentres o resto do equipo agardaba na "peceira", onde se sitúa o técnico de son.
O concurso comezou con moitos nervios. Non conseguimos acertar a primeira pregunta e os rapaces de Ourense aproveitaron o rebote para coller vantaxe. Eles tamén acertaron a súa primeira pregunta, e cando chegou a nosa segunda quenda, volvemos fallar, o que deu aos nosos adversarios outra oportunidade de sumar puntos. Con 4-0 no marcador, a tensión era palpable.
Pero entón chegou a pregunta SOGAMA, que vale dous puntos. Conseguimos acertala, poñéndonos 4-2 e aliviando a presión. Eles erraron a súa e nós aproveitamos o rebote para igualar o marcador: 4-4! A emoción estaba no aire e a loita seguiu igualada ata o final.
Na última pregunta, a famosa pregunta das pistas, todo estaba en xogo. "Son cousas moi pequenas", dixo o presentador. Intentamos con "células", pero non era correcto. Ourense respondeu "gametos" ante a segunda pista, "cumprem unha función específica", pero tampouco era a resposta. Chegou o momento decisivo: "teñen forma estrelada". En canto escoitamos a pista, reaccionamos rápido: "Neuronas!". E fíxose o silencio. Segundos de incerteza. E entón... Correcto!
A explosión de ledicia foi inmediata. Gañar foi como ver ao Celta avanzar en Champions! Pero non por iso esquecemos a deportividade: felicitamos aos rapaces de Ourense e agradecemos a oportunidade de participar nesta experiencia única.
No camiño de volta, fixemos unha parada nun parque para celebrar, relaxarnos e repoñer forzas tras o intenso desafío mental. Xa no cole, decidimos gastar unha pequena brincadeira dicindo que non pasaramos de rolda. Todo ía ben ata que Roque, incapaz de conter a emoción, exclamou: "Estamos na seguinte rolda!".
Un día inesquecible que quedará gravado na nosa memoria. Agora, toca prepararse para o seguinte reto!