Non hai palabras que poidan expresar o orgullo que sinto por todos os participantes do Celtic Chef. O evento foi moito máis que un concurso de cociña: foi unha mostra de traballo en equipo, creatividade, capacidade de adaptación e deportividade. Ver a toda a rapazada implicada, defendendo os seus pratos con paixón e con ese toque persoal que fai única a nosa tripulación celta, foi sinxelamente espectacular.
Un
agradecemento especial para Xabier, de 5º de primaria, quen exerceu
como presidente do xurado con moita seriedade e compromiso. Tamén queremos
recoñecer a Fins, que representou ás familias no xurado e aportou a
súa visión culinaria, así como á nosa directora Sabela, que axudou
nas labouras de produción, e á profe Candela, sempre disposta a
botar unha man para que todo saíse perfecto. Sen vós, este evento non tería
sido o éxito que foi.
E
por suposto, grazas a todas as familias, que colaborastes e vos
implicastes dun xeito incrible. A vosa axuda e apoio fan posible que
experiencias coma esta sexan inesquecibles para os nenos e nenas.
Pero
o máis importante: aquí non había perdedores. Só con participar e
presentar o voso traballo, xa erades gañadores. E podo prometer que non houbo
un só prato que non estivese á altura da gala. O xurado marchou co bandullo
cheo e coa sensación de que cada equipo deu o mellor de si. Todos fostes capaces
de adaptardes os vosos pratos ao país escollido, ás dietas específicas e aos
diferentes desafíos, mantendo sempre un espírito deportivo e colaborativo.
Tamén
quero destacar como xa ides collendo táboas para falar en público,
como soubestes vender e defender os vosos pratos diante do
xurado, tanto coas vosas producións en vídeo coma respondendo en directo ás
preguntas. Esa seguridade, ese esforzo e esa confianza en vós mesmos son
aprendizaxes que van moito máis alá da cociña.
Para
futuras edicións, deixamos a semente dunha nova idea: a próxima será de
tarde... e queremos ver ás familias coas mans na masa!
Para
pechar, déixovos unha frase de Vygotsky que resume á perfección o espírito do
Celtic Chef:
"O
verdadeiro desenvolvemento do ser humano prodúcese a través da interacción coa
comunidade que o rodea.”
Grazas,
Celtics! Xa estamos desexando a próxima edición.