ENLACES DE INTERÉS

viernes, 21 de febrero de 2025

Escoitamos tambores... e seguimos o seu rastro!

 

Ás veces, na escola, ocorren cousas que semellan máxicas. Hoxe, de súpeto, escoitamos un son que resoaba polos corredores: tambores! Un rastro acústico que nos atrapou e nos levou, sen decatarnos, ata o seu foco. Seguímolo como se fose unha chamada ancestral, unha sorte de Frautista de Hammelin, pero con percusión no canto de melodías de vento.

Cando chegamos, atopámonos co profesor Xoel e un grupo de compañeiros traballando co ritmo e a percusión, mergullados nunha enerxía vibrante que lembraba os ritmos de Guinea, onde a tradición do djembe marca o pulso da comunidade e acompaña danzas que celebran a vida. Aquela cadencia atrapounos, hipnotizounos, e sentimos a tentación de deixarnos levar polo movemento, como nunha danza tribal, non da choiva (porque dela xa imos sobrados!), pero quizais unha que evocase a forza e a celebración.

A experiencia foi un recordatorio de que o ritmo é unha linguaxe universal, capaz de conectar culturas e emocións. E nós, por un intre, sentimos que estabamos a viaxar sen movernos, guiados pola forza da percusión. Que viva a música!