Hoxe foi un
deses días especiais que quedarán na nosa memoria para sempre. Tivemos a
sorte de coñecer a Celso, un rapaz de 13 anos con autismo, e ao seu pai,
Miguel. Desde o primeiro momento, Celso conquistounos coa súa simpatía, o seu
talento e o seu gran sentido do humor. ¡É
un neno extraordinario!

Celso contounos que, a pesar de que lle encanta o Minecraft e a programación,
hoxe viña falarnos de Autismo. Recoñeceu que aprender o que facemos na escola é moi
importante e, por iso, el distribúe o seu día para ter tempo para todo: o que
lle gusta, o que precisa e o que o fai mellor cada día. Todo un exemplo de
equilibrio!

Unha das grandes mensaxes que nos deixou Celso foi esta:
"O máis previsible no mundo é que haxa imprevistos."
E nese momento, Miguel engadiu algo que nos fixo reflexionar:
"Ante os imprevistos, sempre podemos elixir ser flexibles ou
inflexibles."
Aprendemos que a flexibilidade é unha ferramenta poderosa nun mundo cheo de
sorpresas, e Celso demostrounos que ser flexible nos fai máis fortes e
preparados para calquera situación.

Celso tamén compartiu con nós como superou barreiras e quedamos abraiados coa
súa habilidade para falar en público. A súa maneira de contar historias, as
anécdotas e os datos curiosos sobre o mundo do autismo fixéronnos aprender
moito mentres gozabamos de cada palabra. É amable, divertido, creativo e, sobre
todo, un neno cheo de ganas de compartir e ensinar.

Non só o pasamos en grande, senón que marchamos con novas ideas, moitas risas e
unha visión máis ampla sobre como apoiar e entender a diversidade. Celso e
Miguel deixáronnos unha lección para toda a vida: sempre podemos elixir como
afrontar o inesperado, e a flexibilidade é unha das mellores ferramentas para
facelo.
Desde aquí queremos agradecerlle
a Celso e a Miguel por esta xornada máxica. Grazas por lembrarnos que o
inesperado tamén pode ser fermoso, que a organización é clave e que, con
esforzo, podemos lograr grandes cousas.